Madriña. “O Caso de Ramiro Gallego Tenreiro”. Capítulo 52

Aínda non eran as oito cando entrei con Lucía no Búho Real, a xa mítica Sala da rúa de Regueros, ao lado do non menos mítico café Belén, que seguía coa súa ambientación inalterable e a súa situación estratéxica de sempre, a apenas vinte metros do piso no que Gustavo Gallego e María Silveira conviviron en perfecta harmonía durante o curso 85-86, o último curso de carreira. Por aquel entón, o futuro xornalista e profesor paraba moito, ademais do café Madrid, neses dous locais en boga, o Belén e o Búho, e, máis que cliente asiduo, era amigo dos tres propietarios. De aí que, aínda agora, tantos anos despois, Gustavo conseguise que o propietario do Búho Real lle cedese sen reparos a sala acolledora para ofrecer un recital de poesía que comezou ás oito en punto, a hora prevista.