Gumersindo Galego (PP) proclamado alcalde de Fene

Gumersindo Galego (PP) proclamado alcalde de Fene
15 de Xuño, 2019 - 12:21 h. | Publicada por Radio Fene

Gumersindo Galego (Partido Popular) resultou elixido este mediodia alcalde de Fene, como cabeza da candidatura máis votada. Houbo unha primeira votación na que ningún candidato obtivo a maioría necesaria fixada no Concello de Fene en 9 votos. Como marca a lei, de xeito automático proclamouse alcalde o primeiro da lista que recibiu máis votos nas pasadas eleccións.

ESCOITA O PODCAST:
Gumersindo Galego, de novo alcalde de Fene

Na votación previa, Gumersindo Galego recibiu os 6 votos do seu grupo, por 7 de Juventino Trigo (BNG e Esquerda Unida) e 4 de Mar Piñeiro (PSOE). Os socialistas reunidos en asemblea local na tarde noite de onte decidiron votar á súa cabeza de lista, ao entender que non existían garantias para configurar un goberno progresista. Ata o último momento mantívose a incógnita, como nunha película de suspense. Tras o resultado da votación, Trigo agradeceu o apoio recibido de Esquerda Unida, quen indicou que a maioría do electorado votou á esquerda. Galego manifestou sentirse honrado de volver presidir a Corporación. O portavoz do BNG anunciou unha "oposición férrea pero responsable" e censurou a actitude socialista: "xa asinaron a moción de censura conxuntamente co PP de hai un ano e polo tanto pouco podíamos esperar, e os socialistas só dixeron que querían a alcaldía e nada máis". Juventino afirmou que "en Fene non hai PSOE".

Historia dun desencontro

As malas relacións entre o BNG e o PSOE de Fene remontanse ao ano 2007 cando a Corporación elixiu alcalde ao socialista Iván Puentes. Inicialmente socialistas e nacionalistas configuraron un goberno de coalición. Pero antes de chegar ao ecuador do mandato, o Bloque abandonou o goberno acusando a Puentes de falta de liderazgo e de reiterados incumprimentos coa cidadanía. Nas seguintes eleccións (2011) o PSOE perdeu dous concelleiros e a alcaldía, porque o BNG non respaldou ao candidato de esquerda máis votado (Iván Puentes). Permitiron os nacionalistas que gobernara Gumersindo Galego (Partido Popular) como cabeza da candidatura máis votada.  En 2015, BNG, PSOE e Somos Fene asinaron un acordo de goberno que levou á alcaldía ao nacionalista Juventino Trigo. Pero tamén no ecuador do mandato, Trigo cesou aos seus socios despois de distintos desacordos. Aos poucos meses, Somos Fene asinou unha moción de censura, conxuntamente co Partido Popular. De novo Gumersindo Galego (PP) fíxose co bastón de mando o 6 de abril do 2018. Nas eleccións municipais do 26 de maio do 2019, o PP obtivo seis concelleiros, igual número que o BNG. O PSOE logrou catro actas e Esquerda Unida unha.

Institucional

Comentarios

Antón Noceda, rebentando gobernos desde 2007
Nome: 
José Manuel

Publica o teu comentario agora