“¿Quién quiere casarse con mi hijo?” (Cuatro, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión

Luján Argüelles deixa por un momento o amor en tempos da encefalopatía esponxiforme que era “Granjero busca esposa” para facer de celestina no medio dun triángulo romántico que forman cinco mozos solteiros, as súas pretendentes, e as nais dos incautos dispostas a discernir, coa velocidade dun sexador de polos, cales desas lurpias son malas pécoras (todas) e cales trigo limpo (ningunha). Por que unha moza san habería querer flirtear cun rapaz que ten por nai a unha versión castiza da Kathy Bates de “Misery” é algo que ninguén pode comprender, pero velaí residen os misterios dos castings dos programas de telerrealidade. A idea da sogra como chiste nacional perpetúase a partir das dez e media da noite en Cuatro.