“The Walking Dead” (La Sexta, 22.15 h.)

Programa: 
Televisión

A canle estrea esta noite cun duplo episodio unha das series de moda chegadas de Estados Unidos, “The Walking Dead”, algo así como os mortos camiñantes. Narra a historia dun policía ferido que esperta na cama do seu hospital e se decata de que non hai ninguén ao seu redor. As instalacións están baleiras e a cidade deserta como se marchara todo o mundo. Até que descobre que os seus veciños aínda viven pero en carne infectada por un motivo que se descoñece e que ven na súa louzanía unha fina delicatesen gourmet que levar á pútrida boca. Comeza aí unha loita pola supervivencia desesperada mentres milleiros de non vivos ou non mortos o perseguen por doquier. “Tes que vela”, repítenme unha e outra vez os amigos lembrándome que a historia se inspira nunha banda deseñada, polo menos certa garantía para distinguirse da atrofia televisiva común. Porén a cada plano dun rostro en descomposición e de membros infectos voando polos aires resolvo que hai modas que non son para min. “The Walking Dead” pásase en La Sexta ás dez e cuarto da noite.