“21 días: Boxeo” (Cuatro, 23:45 h.)

Programa: 
Televisión

O puxilato vive dende hai anos fóra do foco da información deportiva e tan só de cando en vez, cando Hollywood decide glosar a lenda dalgunha vella gloria rescatada da miseria polo combate, a sociedade préstalle atención a unha disciplina cuxo mérito fica case sempre agochado polos ollos á virulé e as napias ensanchadas como a do Señor Potato, de tanto como lles mallaron no tabique. A reporteira de “21 días” inscríbese durante tres semanas no ximnasio de Pablo Navascués, alcumado Huracán, como aquel boxeador da canción de Dylan. Cando remate o seu curso urxente, Adela Úcar subirá ao cuadrilátero para ofrecer un combate de exhibición. Así de duro está hoxe en día conservar un traballo nos medios. Comprobarémolo quince minutos antes da media noite en Cuatro.