“59 segundos” (TVE, 00.15 h.)

Programa: 
Televisión

Desbotados os acareos da TDT, válvula de escape da peor intoxicación partidista, mellor ficar coa tendencia á  decencia da televisión pública e os seus micrófonos minguantes que polo menos evitan algo dos soliloquios neronescos deses próceres da información que tanto se gustan. “59 segundos” adicará unha parte do seu tempo a explicar por que aínda non se manifestou Godzilla na prefectura de Tokio, e outra a analizar cara onde leva este vodevil bélico que pide a berros un musical, pois niso están a converter os aliados o cerco á tolemia de Gadafi. Un sátrapa travestido e acompañado dunha garda privada de amazonas desquiciendo a unhas forzas internacionais que queren pero non queren, que bombardean hoxe pero se retiran mañá, que entran pero non saben como saír e que, en fin, aínda non teñen unha lóxica que xustifique as operacións e que lle poidan explicar ao público é material demasiado bo como para que se deixe estar tan só nun escenario tan informativo e pouco espectacular como o debate que se emite quince minutos despois da medianoite en Televisión Española.