“American Horror Story” (Cuatro, 23:15 h.)

Programa: 
Televisión

Quen me coñece sabe que non aturo as historias de medo, e menos de casas enfeitizadas. Póñenme mal o corpo polos sustos e tamén pola inconcibible estupidez dos protagonistas. Porque a xente múdase de vivenda cando pinga o teito, caen placas, hai cascudas ou non funciona a calefacción. Agora ben, se te visitan pantasmas e fenómenos paranormais, sucédense as mortes e a túa familia comeza a comportarse como trastornada, aí non, aí éntrache un sentido da propiedade que para si quixera Scarlett O'Hara. Pois con esa mesma falla de lóxica compórtanse os personaxes da moi celebrada “American Horror Story”, unha serie máis turbadora que a beleza de Jessica Lange, unha das súas protagonistas, e que narra as arrepiantes vicisitudes da familia dun psiquiatra na súa nova casa. Así de mal anda o mercado inmobiliario. Estréase en Cuatro ás once e cuarto da noite.