“Blade Runner: a versión do director” (TVG2, 22:50 h.)

Programa: 
Televisión

Os nenos do VHF e do UHF medramos imaxinando que o paraíso en vida sería algo así como ter a televisión dos norteamericanos, cun cento de estacións emitindo as 24 horas do día. Como mal menor conformámonos coa aparición de Telecinco, Antena 3 e a codificación do Canal+ que os nosos pais non pensaban pagar. Hoxe, xa adultos, temos por fin, os 57 canais aos que lle cantaba o Boss, listos para ver nesa pantalla plana que aínda pagamos a prazos. E como xa advertira o xefe, non botan nada. Horas e horas de emisión en perpetua reciclaxe, nas que os únicos programas de produción propia son as consultas do tarot. Comprendemos agora que cinco ou seis emisións eran abondas e menos frustrantes. Por iso, cando se produce un fenómeno estraño, como que a ignorada segunda canle da TVG decida emitir dez minutos antes das once da noite unha obra mestra do cine, “Blade Runner”, na súa versión especial retocada polo propio Ridley Scott, por un par de horas podémonos reconciliar con aquel futuro utópico dunha televisión pertinente.