“Buenafuente en Bouzamaior” (La Sexta, 00 h.)

Programa: 
Televisión
O Telediario pode abrir o tempo de noticias alertando dunha caravana de quilómetros na estrada Nacional VI, e por un momento se cadra pensamos que os accesos á Coruña ficaron atrancados. Pouco  tardaremos en descubrir que, tal e como se concibe o mundo en Torrespaña, esa vía só a contemplan como de único sentido e meta en Madrid. O mesmo pasa con calquera evento artístico, que por máis que comece a xira ou sexa unha estrea nunha cidade de provincias, só merecerá atención e louvanzas cando faga parada na capital ou en Barcelona. E, como ben se encarga de dicir o parte, aquí sempre chove. Por iso ten que ser noticia cando a televisión saca o pandeiro da poltrona e viaxa até a periferia. 
Andreu Buenafuente cumpre esta noite co prometido e viaxa xunto co seu equipo ata a aldea de Bouzamaior, en Ferrolterra, na que reside o colaborador accidental desta última tempada do showman catalán. Alfonso Tellado, dúas veces Alfonso para o gran público, demostrará que existen outros mundos e que están tamén neste, por máis que as cámaras non sempre os enfoquen. Andreu e Berto Romero coñecerán como é a vida alén da metrópole, experimentarán a morriña e a retranca e percorrerán un tramo do Camiño de Santiago, todo nun programa especial que La Sexta emite a partir da medianoite.