“Cine: Zodiac” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión

A historia do director de Denver é abondo coñecida. Trátase dun realizador curtido nos videoclips musicais dos anos 90. No seu currículo figuran pezas como o “Vogue” de Madonna, o “Englishman in New York” de Sting ou, ollo piollo!, o “Bamboleo” dos Gypsy Kings. Pasou ao cine coa terceira parte de “Alien”, pero foi con outro número, o “Seven”, que rachou coa pana. Daquela chamárono “efectista”, máis aínda despois de rodar “The Game” con Michael Douglas, pero a súa carreira foise depurando até lograr ser o máis clásico e, asemade, máis radicalmente moderno director de Hollywood, con exercicios da pureza de “The Social Network”. Algo desa trepidante austeridade había xa en “Zodiac”, a aproximación a un asasino en serie real nunca descuberto e na que o misterio da súa identidade remata por ser o menos importante do filme. Unha película na que a aparición do criminal non se puntúa con música de suspense nin primeiros planos que de súpeto te fan despegar do asento. Aquí a besta pon a máscara a plena luz do día e avanza dende o segundo plano da escena cara as súas vítimas coa máis absolutamente normal, tranquila e por iso máis arrepiante pachorra. “Zodiac” emítese en La 1 ás dez e cuarto da noite.