“Debate electoral: Obama-Romney” (Canal 24 Horas, 03:00 h.)

Programa: 
Televisión

Sabemos canto hai de circo na política norteamericana, como de cote a campaña semella un enfrontamento de mercadotecnia entre a última longametraxe de Michael Bay e a nova estrea de Roland Emmerich, e que detrás dos efectos especiais se cadra todo é cartón pedra. Pero logo resulta que as máis modestas ou pretendidamente honestas campañas de por acó tamén teñen un backstage cotroso, polo que asoman guerras sucias dirimidas nos titulares de xornais afectos ou directamente nas investigacións xudiciais. Se imos comernos unha trola, por favor, bótenlle ben de azucre.

E os Estados Unidos de América non son o gran país obeso por casualidade. Alí todo pode saber doce. Aquí a todos amarga o debate electoral mentres que alá os propios candidatos devecen por uns acareos que teñen a mesma eficacia que o puxilato. Quen gaña no corpo a corpo, gaña nas urnas. Disque a campaña do republicano Mitt Romney está a resultar tan lamentable que cabe a posibilidade de que caia groggy á lona antes de recibir o primeiro crochet. Hai expectación por saber se o demócrata Barack Obama pode lograr o k.o. no primeiro asalto. O primeiro dos debates presidenciais no camiño á Casa Branca celébrase en Denver e o Canal 24 horas retransmíteo en directo e con tradución simultánea a partir das tres da madrugada.