“El Jefe” (Antena 3, 23 h.)

Programa: 
Televisión

Ser xefe é unha responsabilidade que non se entende que ninguén queira para si, condenado como está a padecer a animadversión dos seus empregados, nunca compañeiros. É coñecemento común, que tan só dúas son as satisfaccións que poden xustificar as gañas de mandar: gañar moitos cartos e non dar pancada, accións que cando se simultanean equivalen ao paraíso en vida, pero que cada unha por si soa xa resulta satisfactoria. Pero, craso erro, hainos que ademais queren o agarimo dos seus empregados, sen aceptar que a confrontación está predeterminada polo funcionamento das estruturas capitalistas. Entre estes figuran os que se prestan a participar no novo reality de Antena 3, no que a cabeza visible dunha compañía se fai pasar por un empregado raso para traballar de xeito cotiá e facer as tarefas que outros fan por el. Aínda non transcendeu se, tras vivir a experiencia, a algún se lle amoleceu o corazón e decidiu unha suba de soldo para o cadro de persoal, que saibamos, polo de agora a única maneira efectiva de reconciliar a xefes e traballadores. “El Jefe” estréase ás once desta noite.