“El Reencuentro: 10 años después” (Telecinco, 22 h.)

Programa: 
Televisión
Abonda con botar unha ollada á representación visual da súa grella na información dun xornal: a programación de Telecinco ocupa a metade da extensión que as súas competidoras grazas aos seus grandes programas colectores prolongados durante horas e retroalimentados os uns aos outros, Ana Rosa a Sálvama, estes a Gran Hermano ou calquera que sexa o programa nocturno e así até empezar de novo. Dentro desa estratexia recicladora, nada como “El Reencuentro: 10 años después”. 
Cando pasen os séculos, os investigadores de tempos futuros interpretarán dos arquivos audiovisuais de 2011, que a nosa sociedade era politeísta e consagra cerimonias grotescas a adoración de deuses como Yola Berrocal, santa patroa do globo de helio; Pocholo, heroe das viaxes místicas; ou como queira que se chame o mozo de Karina, algo así como a encarnación de Apolo nun universo bizarro. Todos eles foron recuperados para unha convivencia psicotrónica, sen obxecto ningún, e que nesta xornada se culmina coa aparición de Rebeca Loos, a peor decisión contractual endexamais feita por ninguén. Cando Victoria Beckham aprobou como asistente persoal do seu famoso esposo a unha muller que acabaría sendo portada do Playboy, non sei se agardaba que só xestionase a súa axenda. Este tipo de historias inefables asoman polo asilo de vellas glorias de Telecinco a partir das dez da noite.