“Expediente Palomares” (Antena 3, 23.45 h.)

Programa: 
Televisión

O referente máis próximo que coñecemos e que podemos relacionar coa exposición do doutor Bruce Banner a uns raios que o converteron no Incrible Hulk, é o baño en Palomares de Manuel Fraga, ministro do antigo Réxime. Se a vida se conducise pola lei das viñetas, así como saía coas chichas decorosamente tapadas polo bañador Meyba, o político sairía voando da praia e lanzando raios láser polos ollos. Os anos pasaron e os únicos poderes que lle coñecemos foron os das maiorías absolutas e capacidade de invocar seis mil gaiteiros. 

Fraga arriscara a saúde ou a posibilidade dunha vida superheroica cando no ano 1966 se bañou nas mesmas augas nas que caeron as bombas atómicas que transportaban dous avións que bateron no aire. Foi unha catástrofe, a priori sen maiores consecuencias, que se tentou tapar, e o agora senador galego tivo que mergullarse naquelas augas para demostrar que alí non pasaba nada. Iso non é o que di o reporteiro Gonzo, que relata todo canto se sabe sobre o accidente atómico e a radiación na zona, nun documento especial titulado “Expediente Palomares” e que Antena 3 emite esta noite contra as doce menos cuarto.