“Fútbol: Athletic Bilbao – Real Madrid” (La Sexta, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Como non semella factible que lle deixen ocupar a Moncloa, témonos que conformar con ver a Marcelo Bielsa pilotar unha máquina do tempo en Lezama: a que transportou a un grupo de talentosos pero imberbes xogadores dende a era cavernícola do fútbol de Caparrós até o xogo do futuro, tan intenso como atrevido. Ao mito de Newell's pouco lle falta para ser proclamado santo súbito e elevalo ao carón de San Mamés no panteón das gabarras. Mais antes tócalle recibir esta noite ao Real Madrid, que podería proclamarse campión de Liga en Bilbao. Os brancos pénsanse protagonistas, pero a mellor historia do fútbol este ano correspóndelle a un tipo que pasea cuns lentes pendurando do pescozo alí onde outros locen un rosario. Leóns e merengues xogan ás dez da noite un partido que nós poderemos ver en La Sexta pero que Bielsa xa anticipou na súa cabeza.