“Famosos al volante” (La Sexta, 21:30 h.)

Programa: 
Televisión

Os tests de autoescola son para a nosa época o que as respostas de mil maneiras interpretables do Oráculo de Delfos aos tempos clásicos. A proba práctica, un abandono na corrente da fortuna, deixado o futuro do condutor novel á sorte dunha confluencia mística do tráfico e do estado de ánimo do examinador. Estes transos que separan aos nenos dos homes fan caldo excelente para un programa de telerrealidade cheo de vítimas propiciatorias para o escarnio popular. Niso consiste “Famosos al volante”, un espazo no que famosos como Rafa Méndez, Soraya ou Falete tentan obter a licenza de condución segundo os métodos revolucionarios e intensivos, como de campamento de marines, da coñecida como “autoescola dos famosos”, situada en Cuenca.

La Sexta fía a noite dos venres ao potencial cómico dun programa que para rebentar os índices de audiencia só ten que sentar a Falete ao volante dun Smart bipraza e soltalo na hora punta do tráfico. O show acelera ás nove e media da noite.