“La noche de Carmina” (Telecinco, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Agás os galegos, que sempre fomos máis de Carmiña, para o resto do planeta hai dúas carminas: a Burana e a Ordóñez. En Telecinco sempre foron máis de Paquirrín que de Carl Orff, e por iso dedican ao falecido piar feminino da saga de toureiros a súa nova miniserie e fano dentro desa xeira que permite volver consumir horas e horas de programación falando dos mesmos personaxes de sempre (a Jurado, a Pantoja, a baronesa Thyssen) coa única xustificación de que rodaron un biopic despezado. Como se precisasen de escusas. Así que alá imos de novo, a facer radiografías orais de vida, obra e estragos de corpos aínda quentes. A peza audiovisual e o correspondente e maledicente debate de malas linguas comeza na canle amiga ás dez da noite.