“Mar libre” (TVG, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Confiemos no talento da industria da dobraxe para sermos crédulos coa interpretación do galán de orixe estranxeira William Miller no papel protagonista, o do fillo dun pescador da zona de Redondela, que marcha facer as américas xusto cando os mariñeiros das Rías Baixas fican sometidos ao ditado da burguesía catalá que se fai co negocio da salga en Galicia aproveitando os privilexios ditados por Carlos III. Á súa volta, o heroe atopa un gremio sometido e malia que tenta manterse afastado das arelas revolucionarias dos vellos amigos, o amor pola filla do vilán malfeitor e o asasinato da súa irmá prenderán nel a faísca que fará arder o espírito revolucionario alí entre xurelos e nasas. A proposta non pode ser máis clásica, agora só resta sabermos se a imaxinación dos responsables se eleva ao nivel de Shakespere ou se conforma co de “Paixón de Gaviáns”. Deberan aproveitar que o mar non ten cancelas, disque. “Mar libre” estréase ás dez da noite na Televisión de Galicia.