“Supervivientes” (Telecinco, 21.45 h.)

Programa: 
Televisión

Dentro da categoría do ‘famoseo’, poderiamos dicir que “Supervivientes” xoga na Segunda División B, porque os seus participantes aspirarían como moito a unha portada do “Nuevo Vale”, dificilmente a unha do “Diez Minutos” e nin en soños á do “¡Hola!”. Cabe entender que as celebridades de primeira categoría teñen ingresos e popularidade de abondo sen ter que ir a padecer penurias a unha illa tropical.

Así as cousas, a nómina de integrantes desta edición non é particularmente lustrosa e componse da cota precisa de mozos e mozas de bo ver en traxe de baño e bikini, non especialmente coñecidos agás o playboy a tempo completo e xinete a tempo parcial (e pregúntome se non lle estou dando dous nomes á mesma cousa) Álvaro Muñoz Escasi; e, por suposto, tamén están os ‘freaks’ que adoitan ser os favoritos do público como o fora Joselito na edición anterior: desta volta o papel correspóndelle a Cuca García de Vinuesa, tan exquisita que dela diríamos que mexa “pis bendito”, e a ese personaxe inefable chamado Juan El Golosina, gordiño como aquela lambonada de nome Barrilete e ao que o programa presentou cunha descrición que xa o di todo: “profesión: amigo de folclóricas”. Esta noite decídese quen é o primeiro en abandonar o paraíso infernal de “Supervivientes”. Será a partir das dez menos cuarto da noite en Telecinco.