“Terminator 3” (TVG, 23:20 h.)

Programa: 
Televisión
O camiño de ida e volta entre cine e despachos presidenciais pensabamos que era cousa de Reagan, pero dende que o T-800 goberna California calquera cousa pode acontecer. Cómpre ollar de esguello e con desconfianza a José María Aznar. Tras toda esa musculatura que, melena de Sandokan ao vento, loce nas praias e que forra as carpetas das televidentes de Intereconomía, se cadra agóchase o desexo de cubrir a vacante de Schwarzenegger como heroe de acción, ou polo menos de ser “Águila Roja” na televisión pública se o PP recupera o poder en España. Ou miren para Vladimir Putin, que calquera día se presenta nun cumio do G8 portando un tigre desollado ao lombo. 
 
No que respecta ao filme que esta noite pasa Antena 3, supuxo o adeus ao cine do home que foi Conan e anunciouse tamén como o salto ao mundo das estrelas de Kristianna Lokken, unha loira de impresión que aquí está feita de metal. A súa anatomía agocha a máquina de matar que debe liquidar a John Connor. Nunca máis soubemos dela, o que dá a medida do pouco éxito que supuxo esta revisión da guerra de Skynet que se pasa na Televisión de Galicia ás once e vinte da noite, despois do partido da Champions.