“Un paseo por la memoria” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

San Petersburgo, Dublín e Sicilia serán os outros tres destinos dunha viaxe turístico-literaria guionizada por Manuel Vicent, dirixida por Juan Manuel Martín de Blas e falada por Mercedes Sampietro. Contan os responsables que serán catro programas para os amantes do viaxar, pero que nada terán que ver cunha guía de monumentos e paisaxes. Cada capítulo, de tres cuartos de hora de duración, evocará lugares coincidentes con pasaxes perennes da mellor literatura. A ruta viaxeira principia hoxe con Sicilia. A un gustaríalle que falasen dos lugares e xentes que retrataba con cirurxía xornalística Leonardo Sciacia nas súas novelas sobre o sangue mafioso que corría hai xa séculos polas rúas sicilianas, pero Vicent tenlle máis aprecio aos clásicos gregos e latinos, así que nos poñeremos case mitolóxicos no primeiro capítulo de “Un paseo por la memoria” que se estrea ás dez da noite en La 2.