“Versión Española: El pisito” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

O defunto autor é se cadra o mellor guionista que coñeceu o cine feito en España, un visionario que debutou en 1959 escribindo “El Pisito”, unha película dirixida por Marco Ferreri na que se contan as tribulacións de Rodolfo e Petrita, que tras doce anos de relación queren casar pero precisan un teito para vivir. Como a vivenda está tan cara -xa daquela o estaba- resolven que o mellor remedio pasa porque o galán pida matrimonio á súa veterana caseira, dona Martina, agardando a súa morte para así poder herdar o aluguer do pisiño. Un plan xenial que debe resistir ás intencións do dono do inmoble, disposto a desaloxar a vivenda para botala abaixo. En verdade unha tolemia traxicómica, case tanto como deberlle ao banco 1.000 euros todos os meses durante 30 anos. “El Pisito” emítese no programa “Versión Española”, en La 2 ás dez da noite.