Amancio Prada: “Sempre sentín os versos de Cunqueiro con música dentro de min”

Programa: 
Músicas e Letras

O músico leonés lembrou nos micrófonos de Radiofusión os seus encontros con Álvaro Cunqueiro. Tivo a oportunidade de coñecelo persoalmente cando llo presentou en 1976 Carlos Casares. A segunda e última vez que viu a Cunqueiro foi no outono de 1980 cando, acompañado por Víctor Freixanes, visitouno na súa casa coa "desculpa" de que lle asinara o primeiro tomo de Poesía e teatro, a súa obra en galego completa. Nesa ocasión, trasladoulle o seu desexo de musicar os seus versos, que gravaría por vez primeira no disco A dama e o cabaleiro, editado en 1987. Dez anos despois, a poesía neotrovadoresca de Cunqueiro tamén formaría parte de Tres poetas en círculo, primeiro disco en directo gravado por Prada. Neste traballo, o músico ofrece un percorrido polos versos do escritor mindoniense, xunto cos de Federico García Lorca e Agustín García Calvo.