A arquitectura galega hoxe

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

Unha arquitectura local, pero exportable

‘Metagénesix’ pretende mostrar e evidenciar a capacidade destes novos arquitectos para darlles resposta aos desafíos contemporáneos derivados da crise económica e social e a fin dos paradigmas que guiaron a arquitectura nos últimos anos. Unha arquitectura profundamente enraizada co lugar, pero totalmente exportable. Neste sentido, as obras da exposición danlles resposta ás necesidades programáticas cunha arquitectura honesta, que asume as limitacións propias do momento, do lugar, do encargo e dos recursos dispoñibles, para transformalas en oportunidades.

A selección da exposición, realizada polos comisarios, Carlos Mosquera (1974), Alberte Pérez (1974), Enrique Iglesias (1973) [Trespes.Arquitectos], Felipe Trillo (1976) e Ana Amado (1975), despois dunha convocatoria aberta, permite darlle visibilidade a unha maneira de entender e proxectar arquitectura.

A mostra conta co patrocinio da E.T.S. da Arquitectura da Coruña, LLEDO S.A., coa colaboración de Construcciones Orega, Proyecon, Librería Formatos,  Adega Dominio do Bibei e a editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.  

Esta iniciativa enmárcase na rede europea Import/Export, que pretende darlle visibilidade ás arquitecturas locais de arquitectos novos, de entre 30 e 40 anos, de diferentes países do continente. Import/Export é parte integrante dos ciclos de arquitectura de ‘Nogo, project-room e think-tank’ para a arquitectura e a arte contemporánea.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurouna onte destacando o traballo a prol “dunha arquitectura galega nova e vizosa que merece o noso recoñecemento”.