Así naceu o galego

Programa: 
Músicas e Letras

Durante os reinados de Afonso VII (1111-1157) e os seus sucesores Fernando II (1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230), a nobreza galega ten extraordinario poder na corte, e os propios monarcas mantéñense moi vencellados con Galicia. No territorio galego, o século XII é a centuria do grande poder da nobreza eclesiástica. Son os tempos do Arcebispo Xelmírez en Compostela, cando esta cidade comeza a disputar a Roma a capitalidade espiritual de Occidente, os tempos da expansión da arte románica polo camiño de Santiago, todo dentro do marco do desenvolvemento económico e cultural da sociedade galega.

As primeiras manifestacións da literatura galega son de carácter lírico. Os primeiros trovadores galegos comezan imitando a moda literaria que vén de Provenza pero inmediatamente incorporan ao seu repertorio cántigas de tipo tradicional galego, a imitación das que cantaba o pobo e que se viñan conservando por tradición oral. Nesta época medieval o galego e o portugués eran unha mesma lingua. As pequenas diferencias existentes entre a lingua falada ao norte e ao sur do río Miño apenas ten relevancia nos cancioneiros. En pleno século XV ha dicir o Marqués de Santillana que "non hai moito tempo calquera deçidores e trovadores destas partes, agora fosen casteláns, andaluces ou da Extremadura, todas as súas obras compoñian en lingua galega ou portuguesa".