Bookcrossing no Día Internacional do Libro

Programa: 
Músicas e Letras

A Biblioteca do Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense) únese por segundo ano consecutivo a esta iniciativa, promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo de Vitoria-Gasteiz e liberará arredor de 20 libros das publicacións propias, duplicados e doazóns que fan particulares para esta acción.

Como novidade, este ano establecese unha colaboración con profesoras da Universidade de Vigo do Campus de Ourense para implicar ao estudantado universitario na liberación dos libros; cunha charla nas aulas darase a coñecer o movemento bookcrossing e faránlles ver que o interesante desta actividade é seguir o percorrido do libro polo mundo.

Todos os libros liberados estarán acreditados coas etiquetas, conterán as instrucións para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar.

O éxito da liberación do ano pasado fixo que decidísen incluír nas salas de exposición do Museo unha zona oficial de liberación de libros polo que durante todo o ano as persoas que visitan o Museo poden unirse a este movemento de captura e liberación de libros.