Coetzee, a biografía das enemigas

Programa: 
Músicas e Letras

Nesta entrega dáse unha visión do escritor na súa etapa de madurez, pero non a través de si mesmo, e este é un dos ganchos narrativos, senón a través dun biógrafo inglés que está recollendo datos para un traballo académico entrevistando a persoas que tiveron unha certa proximidade con Coetzee durante os anos que pasou en Cidade do Cabo vivindo co seu pai.

Estas persoas son todas mulleres e todas elas móstranse extraordinariamente sinceras nas entrevistas, dando lugar a unha composición do personaxe moi pouco compracente para os seus admiradores. Ningunha delas parece ter interese ningún en axudar a construír un mito: a do gran home xenial e, moitas veces inxustamente maltratado e incomprendido, senón máis ben todo o contrario.

E aquí reside o interesante da proposta: Coetzee non ten interese en xustificarse a si mesmo e atrévese a mirarse no espello moi pouco favorecedor dos ollos destas mulleres. Elas falan sen ningún tipo de panos quentes das inseguridades de John, das ridículas obsesións de John, das debilidades humanas do señor Coetzee, pero, por riba de todo, da soedade e o desalento que transmite e que move a algunhas delas a intentar encher ese terrible valeiro coa súa tenrura.