Educación reitera a súa negativa a unha especialidade de dirección de orquestra en Galiza, segundo a CIG

Programa: 
Músicas e Letras

Segundo o sindicato nacionalista “estamos ante un posicionamento da Consellaría que amosa total desinterese e desconsideración a unha demanda que pretende dar resposta á necesidade de formación que hoxe precisa e solicita numeroso alumnado galego. Alumnado que, se pretende estudar a especialidade de Director de Orquestra, se ten que trasladar fóra de Galiza para cursar os estudos noutros conservatorios. A nosa incomparábel tradición musical e o feito de que Galiza conte con máis de 100 agrupacións bandísticas e numerosos coros fan incomprensíbel que os directores e directoras teñen que buscar a súa formación unicamente á marxe dos conservatorios”.

A ausencia desta especialidade en Galiza impide a oferta dun ensino verdadeiramente especializado nun nivel superior e de grande prestixio e os galegos e galegas terán que coller o camiño da emigración para cursalos en Murcia, Málaga, Valencia, Salamanca, País Vasco, Cataluña, Aragón ou Madrid, territorios que si contan coa especialidade, aseguran desde a CIG. Ademais sinalan que “o desprezo da Consellaría por conseguir a maior calidade das ensinanzas musicais e unha oferta que non discrimine Galiza faise máis evidente se temos en conta que a creación desta especialidade sería factíbel co nomeamento dun só profesor especialista de Dirección de Orquestra”.  

A CIG-Ensino esixirá denovo que o decreto que estabelece as ensinanzas artísticas superiores de Grao en Música recolla a creación da especialidade de Dirección de Orquestra, como xa así o fixo mediante unha emenda á Orde que fixaba o plan de estudos das ensinanzas superiores de Grao en Música e que se debateu no seo do Consello Escolar de Galiza, o día 20 de setembro de 2010. A nosa proposta, ao final, non prosperou debido a un empate na votación que foi resolto co voto de calidade en contra do presidente do Consello Escolar. A CIG-Ensino vai iniciar unha campaña até conseguir que a especialidade de Dirección de Orquestra se imparta en Galiza.