As escolas deportivas abren inscrición o martes trece de setembro

Programa: 
A Bancada

A matriculación nas escolas de piscina realizarase os días 13 de setembro (só residentes en Fene) e 14 de setembro (poboación en xeral). Para a totalidade das escolas deportivas municipais, as datas establecidas serán o 15, 16 e 19 de setembro (só residentes en Fene) e 20, 21 e 22 (poboación en xeral). O horario de atención ao público no pavillón municipal “A Xunqueira” será de 8:30h a 14:00 h. (todos os días) e de 16:00h a 19:00h (os días 13, 14 e 21 de setembro).

Entre as escolas que se impartirán na piscina municipal de Centieiras neste curso 2016-17 salientan as de natación para bebés, primeira infancia, iniciación e perfeccionamento infantil, xuvenil, de adultos e terceira idade, natación para embarazadas, natación terapéutica (combinada ou non con rehabilitación funcional) e aquagym. No pavillón “A Xunqueira” haberá atletismo, pequedeporte (deportes variados), fútbol sala feminino, iniciación ao baloncesto (infantil e maiores), ximnasia rítmica, baile moderno, patinaxe, zumba, aerobic, pilates e rehabilitación funcional (que se pode combinar con natación terapéutica).
Tamén están previstas diferentes escolas deportivas noutras instalacións do Concello de Fene coma o pavillón O Ramo de Barallobre (ximnasia artística e trampolín), Centro Social de Fene (ioga), ximnasio da Casa da Cultura (judo e karate) e piscina de Centieiras (pilates e ioga)
A maiores, a Concellería de  Deportes do Concello de Fene volve organizar un ano máis o tradicional obradoiro de “Educación física contra a fatiga oncolóxica” que se desenvolverá entre os meses de outubro 2016 e maio 2017 (coa posibilidade de continuar no verán). O Concello de Fene é pioneiro na organización desta actividade que ten coma obxectivo fundamental tentar reducir a fatiga que acompaña ao cancro e aos seus tratamentos. Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada “que tenta axustarse en todos os casos ás características e posibilidades de cada persoa” e que está baseada nos contidos propios da educación física, no exercizo cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, coordinación, etc.
O período de inscrición para esta actividade prolongarase  dende o 15 ao 22 de setembro, nas dependencias administrativas do pavillón A Xunqueira de San Valentín, nos horarios establecidos para a inscrición na totalidade de escolas deportivas municipais.
Segundo informan dende a concellería de Deportes, as prazas nas distintas escolas e obradoiros deportivos municipais hanse cubrir por rigorosa orde de inscrición. Ademais, as actividades só se realizarán no caso de cubrirse o 50 % do número de prazas ofertadas.

As Escolas que entren en funcionamento no curso 2016 / 2017, en base á matriculación rexistrada, faranse públicas no taboleiro do pavillón polideportivo da Xunqueira e na páxina web co Concello de Fene (http://www.fenecidadan.gal) o día 26 de setembro. A incorporación do alumnado ás escolas e obradoiros deportivos municipais producirase a partir do vindeiro 1 de outubro nos días da semana, horas e locais fixados para cada actividade.

ESCOLAS CULTURAIS 2016-17
En relación coas escolas e obradoiros culturais do Concello de Fene para o curso 2016/17, dende a concellería de Cultura e Ensino anuncian que a inscrición formalizarase do luns 3 ao venres 7 de outubro (os días 3, 4 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6 e 7 de outubro, a poboación en xeral) nas dependencias administrativas do pavillón “A Xunqueira” de San Valentín. Tamén neste caso, o horario de atención ao público será de 8:30h a 14:00 h. (todos os días) e de 16:00 h a 19:00 h (o mércores 5 e o xoves 6 de outubro).
A oferta de escolas e obradoiros culturais municipais para este novo curso pasa por actividades coma piano e solfexo, guitarra, idiomas (“Xogamos co inglés” e “Falamos inglés”), cociña (obradoiro de “Cociña para vag@s”), cómic, risoterapia (obradoiro “Licenza para rir”),  e por diferentes cursiños TIC (“Introducción a internet” e “Introducción á ofimática”).
Como novidades, a Concellería de Cultura e Ensino organiza tamén obradoiros de fotografía (“Fotografía con móvil e cámaras compactas”, “Obradoiro de saídas fotográficas”, “Proxecto fotográfico. Iniciación” e “Storytelling Audio+Foto”), de artes escénicas e oratoria (“Obradoiro de monólogos e recursos cómicos en galego” e “Obradoiro de técnicas básicas para falar en público”) e unha nova escola (“Un paseo polas artes”) que ten como obxectivo “aprender a mirar as artes plásticas e a arquitectura” de xeito divertido.
 Para máis información sobre as escolas ou obradoiros deportivos ou culturais municipais, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas dos Departamentos de Deportes, Cultura e Ensino do Concello de Fene (981-340366) ou consultar a normativa xeral de matriculación das devanditas escolas na páxina web municipal (www.fenecidadan.net).
Asemade, o Concello de Fene edita un ano máis un caderno coa información das escolas deportivas e culturais municipais. A publicación estará a disposición da veciñanza nas distintas instalacións deportivas e culturais do concello, así coma nos centros educativos do termo municipal, a partir do vindeiro luns 12 de setembro.