Joy Division inspira o novo EP de Franc3s e a Nintendo DS ponlle son

Programa: 
Músicas e Letras

En La exhibición de atrocidades hai que pararse máis a escoitar a letra, pois non son tan explícitas como nos teñen acostumados. Alberto volve ser o compositor das mesmas e unha vez as leva ao local de ensaio todos fan a súa particular achega musical. Son cancións que xorden de xeito natural, segundo asegurou en Radiofusión María, unha das integrantes do trío.

Despois de pasar o verán descansando, Franc3s volven á carga. O EP gravárono en agosto. Foi un traballo caseiro para o que contaron con Roberto Mallo e coa masterización a cargo de Rafael Martínez del Pozo (AA Tigre, LA JR, Kiev Cuando Nieva, Roldan, David Loss) en León. Un disco gravado con máis calma que o anterior, do que o trío quedou moi satisfeito.

A Nintendo DS é unha das achegas de Patuki a este EP. Soa no traballo e tamén no directo, concretamente, o sintetizador analóxico dun xogo desta consola.

En canto á edición física, volve ser especial e foi realizada novamente polo deseñador Alberto Gende. Desta volta trátase dunha fotografía lenticular. As instantáneas foron tomadas por unha amiga, Ivipop, nun desguace de Carballo, co fin de simular un accidente de tráfico.

A edición física de La exhibición de atrocidades pódese mercar en Discos Noni´s na Coruña, no Cosmic Pop Club de Carballo, pedíndoo a través do correo electrónico franc3ss@hotmail.com ou nos concertos da banda e por tan só 5 euros.

En canto aos directos. O 17 deste mes de outubro estarán na Casa das Atochas da cidade herculina e o 30 no Mulleres Arte+Parte en ExpoCoruña. Xa o 14 de novembro visitarán a sala Ipop de Oviedo e o 9 de xaneiro La Pequena Betty de Madrid.