Los Reyes del K.O. chegan a Galicia reivindicando festa

Programa: 
Músicas e Letras

Gravado en Berlín nos Estudios Funkhaus, mesturado en Nova York e masterizado en California, It´s fiesta time é un disco que, segundo a banda, xurdiu froito da inxente cantidade de experiencias musicais vividas en salas e festivais de toda Europa, México e Estados Unidos xunto aos mellores artistas de blues.

Adrián Costa afirma que o carácter multicultural da propia formación tamén contribúe a enriquecer o son da banda que inclúe nos temas, ademais de blues, toques de rockandroll, boogie, rithmandblues, soul, funk e latin grooves. Inglés, spanglish e castelán mestúranse nas cancións, nas que colaboraron Gary Wiggins co saxo, Dwayne Verheyden co acordeón, a batería de Antonio Pax, e a voz de Miguel Ángel Hernando “Lichis” da Cabra Mecánica.

Trece das 15 composicións de It´s fiesta time son orixinais dos membros de Los Reyes del K.O. O disco complétano dúas versións do tema chicano tradicional “Si me quieres”.

Despois de actuar nas últimas semanas por diversos países europeos, a banda inicia a súa xira española na sala Capitol de Compostela, no que será o único concerto da banda en Galicia.