Maridaxe entre o albariño e a comida do Xapón

Programa: 
Comer en Galicia

Paralelamente, este Consello Regulador organizará unha cea maridaxe, que terá lugar mañá 8 de abril, no restaurante Fish Bank, un establecemento de comida moderna xaponesa que preparará para a ocasión pratos típicos da gastronomía nipoa que maridarán con diferentes viños do D.O. Rías Baixas. Durante este acto, a xornalista especializada, e gran coñecedora destes viños, Motoko Ishii realizará unha presentación das Rías Baixas aos trinta profesionais convocados, entre os que se atopan relevantes catadores, importadores e prensa especializada, entre outros. Ademais espérase a presenza do embaixador de España en Xapón. Para a organización desta actividade, este Consello Regulador contou coa colaboración do IGAPE.  

Un dos obxectivos a medio e longo prazo para os viños de Rías Baixas é o mercado asiático, que no exercicio 2009 comprou un total de 41.140 litros destes viños. Xapón preséntase como o principal mercado dos produtos da Denominación de Orixe neste continente con máis de 33.000 litros exportados. Non en balde, os esforzos de mercadotecnia e promoción realizados polo Consello Regulador a través da súa presenza e participación activa en feiras internacionais, tanto en China como en Xapón, están a dar os seus froitos cun incremento na valoración que os cidadáns destes países teñen dos viños da denominación.