A medalla de Ouro do Centro Galego de Barcelona gardarase en Galicia

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

A presenza activa do Centro e o seu papel fundamental na difusión da cultura galega en Cataluña a través de actividades culturais e formativas, convérteo nun exemplo de integración e participación na vida social, cultural e artística da Cidade Condal.

O alcalde de Barcelona, Xavier Trías, definiu o Centro como "entidade emblemática que nos axuda a coñecer mellor a cultura galega en Cataluña, á vez que difunde a cultura catalá en Galicia". Desde os seus primeiros pasos, no ano 1892, a institución mantén o firme compromiso de representar a identidade galega e proxectar a cultura de Galicia en Cataluña, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, a cultura e os costumes galegos entre os socios, os seus descendentes e a sociedade barcelonesa en xeral.

A asemblea extraordinaria do CGB celebrada o 15 de xaneiro acordou por unanimidade ceder a medalla ao Museo do Pobo Galego, que a custiodiará en depósito en tanto non se cree un museo dedicado á diáspora galega. A entrega terá lugar mañá xoves 31 de xaneiro, ás 19h30. O presidente do adroado do Museo, Justo Beramendi, recollerá a medalla de mans do presidente do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, nun acto ao que asistirán representantes da Xunta Directiva e antigos presidentes do CGB e que contará coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación universitaria.