Moondogs Blues Party e Noc toman o relevo no Querostar

Programa: 
Músicas e Letras

O público que asista aos concertos de Noc e Moondogs Blues Party poderá puntuar os concertos de 1 a 5 mediante unha pantalla táctil instalada na propia Sala The Star, e poderá votar tantas veces como consumicións tome. A nota media do público “pesará” un 40%, fronte ao 60% que valerá a cualificación do xurado, composto por dous expertos musicais: Luís P. Ferreiro, crítico musical, blogueiro e redactor de La Opinión A Coruña; e Santi Romai, actor e organizador entre outros do festival Nordestazo Rock.

Unha vez feitos os cálculos, os tres grupos con mellor nota pasarán á gran final do certame, que se celebrará en outubro, nunha data aínda por determinar, e na que se repartirán os premios de 1.000, 500 e 300 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado.

Pero ademais dos premios para os grupos, o Querostar inclúe outro certame paralelo no que pode participar calquera afeccionado á música: un concurso de xornalismo musical que premiará con 200 euros á persoa que escriba e envíe o mellor artigo sobre algún dos concertos. Os interesados neste certame só teñen que asistir ás actuacións, ou velas en directo pola rede, escribir unha crónica sobre o concerto e enviala a través do formulario correspondente na páxina www.querostar.com. O día da final un xurado anunciará o nome do gañador da crónica.

Moondogs Blues Party

O grupo de blues-folk con base na Coruña e Vilalba presentará este xoves os temas do seu segundo disco, Thirty Roads, un álbume de once pezas no que a banda, de oito membros, mantén os sons americanos e intimistas. Será a segunda ocasión na que Moondogs Blues Party, actúe na Sala The Star, onde xa ofreceu un concerto fóra da programación do Querostar. Moondogs Blues Party foi un dos tres grupos seleccionados pola organización do certame para entrar directamente na fase de concertos do Querostar.

Noc

Pola contra, a banda coruñesa de rock indie estréase este xoves na Sala The Star, nun concerto no que ademais prometen "sorpresas", segundo veñen anunciando estes días nas redes sociais. Foi precisamente a súa excelente campaña de promoción e marketing nas redes sociais como facebook ou twitter a que fixo que Noc se clasificara para esta fase de concertos do certame, ao gañar o premio Querostar Enredando, a categoría na que se valoraba a promoción na rede. Noc tamén presenta traballo, o primeiro da súa traxectoria, Negroscurocasiclaro.