O Caimán do Río Tea engorda ao “entrar na lavadora”

Programa: 
Músicas e Letras

Ese mesmo ano, en 1994, O Caimán do Río Tea reúnense xunto a outros 11 grupos, entre eles Rastreros, Os Diplomáticos de Monte-Alto ou Skornabois, na a taberna O Cabaleiro de Viana en Chantada, para asinar o Manifesto de Viana. Unha declaración de intencións que rexerían o movemento bravú. Como parte do movemento bravú, en 1996, aportan “Manolo Pescadilla” ao disco Unión Bravú de Edicións do Cumio.

Co éxito acadado co “Estou na lavadora”, en 1995 editan da man de Sons Galiza o seu primeiro longa duración Feito na casa. Unha ducia de cancións desenfadadas que se presentan baixo unha portada que parodiaba o Born in USA de Springsteen. O traballo producido polo Siniestro Total, Miguel Costas, ábrese con “Galego en Madrid”. Ademais dos aires ska e rock nalgún dos cortes atrévense co rap como en “Oh pá! Son poucos os temas que conseguen callar como o “Estou na Lavadora” , pero un deles é o enérxico “Pedro Marelo”.

O 95 foi un ano prolífico para o cuarteto ponteareán, O caimán do Río Tea editan un EP como premio por gañar o Certame Galego da Canción. Nel seguen a apostar polo rock guitarreiro, unha das pílulas que inclúen é “Jasan”. O traballo péchase coa volta hardcore que lle dan á sintonía de Barrio Sésamo e que nomean “Caponata vas de julai”.

En 1996 volven participar no cuarto volume compilatorio de A cantar con Xabarín con “Ven bailar”. Finalmente, en 1998 sae á rúa a súa última gravación, un single autoeditado con dúas cancións: “Maryfe” e “Vota”.

O Caimán morre en 1998, pero das súas cinzas nace en 2006 Capitán Furilo onde atopamos a todos os compoñentes do Caimán, menos ao batería Xosé Cambra.