Os amantes das verbenas peregrinan esta fin de semana a Cea

Programa: 
Músicas e Letras

Desde as máis clásicas ata as máis contemporáneas, o FIOU aglutinará os diferentes estilos existentes no mundo das orquestras de baile coa participación dunha ducia de formacións dos cinco continentes, entre as que se atopan as máis recoñecidas de Galicia e outras de orixes tan diversas como Latinoamérica e Europa, ou dos Balcáns ou a cultura árabe. En concreto, a Orchestre National de Barbès, de Francia; a Billo's Caracas Boys, de Venezuela, e as galegas Sintonía de Vigo e Olympus, son algunhas das formacións que participarán.

Durante tres días, a música e o baile non parará desde o seu inicio ao mediodía coa sesión vermú ata altas horas da madrugada. Despois darase paso aos espazos de Clásicos Latinos e Orquestras do Mundo e, xa pola noite, á Sesión Verbena. Logo diso, a festa trasladarase a unha carpa onde diversos DJ continuarán ata ben entrada a madrugada coa mellor música de orquestra.

Á programación musical hai que sumarlle toda a unha serie de actividades paralelas e servizos que complementan a oferta deste festival. Unha exposición sobre a historia das orquestras de baile en Galicia, coloquios con músicos expertos o mercado das orquestras ou postos de artesanía local ou alimentación, son algunhas destas propostas. Asemade, habilitarase un espazo para a acampada de balde e unha zona de aparcamento. Por outra parte, durante a celebración do FIOU gravarase un documental que ilustrará a orixe e evolución das verbenas populares galegas e onde se recollerán os mellores momentos deste evento.