Privatizan os servizos sociais rendíbeis e desmantelan os restantes, denuncia Aymerich

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

O deputado nacionalista empregouse con dureza na denuncia no incumprimento da cacarexada “rexeneración democrática” que o PP prometera durante a campaña das autonómicas. Aymerich lembrou que Feijóo se comprometera a recoñecer os seus erros e depurar as responsabilidades. De contado requiriuno pola política de contratación da Deputación de Ourense e o transfuguismo.
O portavoz parlamentario do Bloque mantivo durante todo o discurso de réplica ao Presidente que “Galicia está peor que hai dous anos, polo que Núñez Feijóo fracasou”. Criticou que a intervención do titular da Xunta servise para culpar dos seus males á Administración do Estado mentres a Xunta desvía parte dos seus contratos a empresas foráneas e deslocaliza sectores produtivos, citando o exemplo da empresa téxtil Caramelo. “España como problema, Galicia como negocio, é a súa divisa”, manifestou Aymerich.

O nacionalista afirmou que a Xunta “privatiza todos aqueles servizos públicos rendibles e, se non o son, desmantélaos”. Criticou que os niveis de investimento público están moi lonxe de cumprirse e denuncio que coa posta en marcha do canon da auga, “despois das eleccións de maio subiranlle un 400 por cen os impostos aos galegos que consuman auga”. Ademais, desconfiou da contabilidade autonómica, asegurando que abundan as “facturas sen pagar”. Aymerich, tamén fixo unha defensa do idioma e da cultura de Galicia fronte ás reformas educativas do Goberno, asegurando que Feijóo pasará “ao vertedoiro da Historia” e que “a cultura resistirá”.