A Real Filarmonía de Galicia rende homenaxe a Shakespeare

Programa: 
Músicas e Letras

Este ano cúmprense 450 anos do nacemento de William Shakespeare e ségueselle encomiando non só no contexto literario ou teatral, senón tamén no musical, pois as súas obras e personaxes tiveron influencia na cultura universal. É o caso da obra de teatro A Tempestade, na que se basearon diversos músicos para crear bellísimas composicións, como Sibelius ou Chaikovski. Ademais, a idea de combinar teatro e música é tan antiga como o teatro mesmo e así, cando na época barroca a música occidental avanzaba significativamente, o teatro comezou a demandar unha maior presenza da mesma para dar maior expresividade ao texto.

A tempestade de Sibelius

A RFG interpretará a obertura da tempestade, do compositor finlandés Jean Sibelius (1865-1957), que, como gran entusiasta do teatro, compuxo unhas doce obras para escena. O Preludio da Tempestade é un extracto da música que Sibelius escribiu, entre 1925 e 1926, para unha representación no Teatro Real de Copenhague do drama de Shakespeare. A súa complexa e cromática escritura fana unha das súas partituras orquestrais máis enxeñosas, na que se recoñece unha violenta tormenta no mar.

A tempestade de Chaikovski

A continuación os músicos achegarán ao público A Tempestade, neste caso a obra do compositor ruso Piotr Chaikovski (1840-1893). A obra, a pesar de ter características e aparencia sonora de poema sinfónico, orixinalmente designouse como fantasía sinfónica. Foi composta en 1873 e estreada en Moscova o 19 de decembro do mesmo ano.  

O mil e unhas noites

O concerto finalizará con Scheherezade, do compositor ruso Nikolái Rimski-Kórsakov (1844-1908). Trátase dunha suite orquestral inspirada en As mil e unhas noites, a soada recompilación medieval de contos tradicionais de Oriente Medio. Retrátase a Sheherezade narrando cada noite as súas historias ao sultán Shahriar.

Os asistentes ao concerto de Santiago poderán manter unha charla previa co director, Paul Daniel

Antes da celebración do concerto, o director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, manterá un encontro cos asistentes á velada. Será ás 20:00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia " Convers@ndo con", que promove a RFG antes de cada actuación, coa finalidade de achegar a música ao público dun modo informal e distendido. Os interesados poderán participar nesta charla presentando a entrada do concerto.