Rosalía de Castro merece unha gran película

Programa: 
A biblioteca infinda
Se a calquera galego ou galega nos preguntasen por unha figura emblemática da nosa cultura a maioría, por non dicir todos, contestariamos Rosalía de Castro. Se aínda nos demandasen as razóns polas que na súa figura se concentra tal unanimidade, diriamos que ademais de ser autora de libros comunmente coñecidos e admirados foi unha pioneira en moitas loitas coas que hoxe seguimos sentíndonos identificados. E cada un de nós escollería un motivo presente na obra da autora: a defensa dunha cultura desprezada, a sensibilidade cos desfavorecidos e marxinados, a defensa dos dereitos e as capacidades das mulleres, a denuncia das inxustizas sociais... poderiamos seguir. 
O interese por Rosalía de Castro medra cada día tanto en ámbitos académicos como populares, se cadra por iso a biografía da autora de Follas Novas publicada por Mª Xesús Lama, está suscitando un gran interese en ámbitos sociais moi diversos. 
A escritora de Padrón demostra nas súas obras unha mirada extraordinariamente lúcida do tempo e da sociedade que lle tocou vivir, de xeito que a súa voz crítica segue tendo plena vixencia na actualidade.  A última achega á vida de Rosalía de Castro de Mª Xesúa Lama, é un libro imprescindible para calquera que estea interesado nesta autora e nos mecanismos sociais e culturais que a convertiron nun auténtico símbolo de Galicia.