Ugia Pedreira e Fred Martins presentan ao vivo “Acrobata”

Programa: 
Músicas e Letras

Acrobata está producido e dirixido musicalmente por Pedro Pascual, integrante con Ugia de Marful, e misturado e masterizado por Xosé Trincado “Triki” en marzo de 2011. As composicións do álbum son obra Fred e Ugia, aínda que tamén contaron con colaboradores como Pablo Pascual, José Diaz, Alejandro Vargas, Germán Diaz, Marcelo Martins, Marco Suzano, Luis Peixoto, Quim Farinha ou Marcos Vázquez.

Non obstante, os concertos carecerán de instrumentación xa que Ugia e Fred apostan por presentacións espidas e en acústico. Os músicos consideran que a auténtica protagonista deste traballo é e debía ser a palabra, a poesía das letras, xa que a conxunción das linguas galega e portuguesa conforman e dan sentido ao espírito do proxecto.

Despois dos directos en Compostela, Ugia Pedreira e Fred Martins actuarán en Marín, Mondoñedo, A Coruña, Ferrol, Monção (Portugal) ou Andorra.

Ugia Pedreira é xa unha artista e compositora consolidada no panorama artístico galego. É unha das caras visibles de proxectos musicais xa coñecidos como Nordestin@s, Ecléctica Esemble ou Marful, entre outros. Fred Martins xa ten publicados catro discos como cantor e compositor. Os seus temas foron gravados por artistas universais do Brasil como Ney Matogrosso, Maria Rita ou Zélia Duncan.