Un documental relata a situación das traballadoras das conserveiras

Programa: 
Onda Rural

En 1989, preto de cen mulleres, catro delas en folga de fame, pecháronse na fábrica de conservas Odosa, na Illa de Arousa, como protesta ao peche inminente da factoría. Mentres durou o encerro, gravaron un documental para contar, en primeira persoa, que estaba a suceder. Do descubrimento e restauración desta cinta, partiu un novo proxecto audiovisual. Con ese material como base, Uqui Permui decidiu narrar a historia das traballadoras contada polas mesmas protagonistas, mesturando pasado co presente. As voces recollidas no documental denuncian que o traballo das mulleres sempre se considerou un complemento ao dos seus compañeiros e non un salario en si mesmo, aínda que moitas vivan elas e os seus fillos unicamente deses ingresos.

Doli, doli, doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo proxéctase o xoves na Facultade de Socioloxía da Coruña. Tamén se poderá ver no Museo Marco, o día 28 de abril, e no CGAI, o 21 de maio, e pasará, a principios de xuño, polo Festival de Films de Dones de Barcelona.