Volta Editores estréase na vangarda da BD con “O regreso do caralludo Sr. Mundo”

Programa: 
Músicas e Letras

O regreso do caralludo Sr. Mundo é unha obra debuxada po Alfonso Martínez e con guión de Nathan Carter e Juan Junquera. O libro é unha obra vangardista dentro da banda deseñada galega. O que pode parecer unha sátira do cómic de superheroes convértese rapidamente nun metarrelato sobre o cómic, os personaxes da mesma e os problemas filosóficos atribuídos tradicionalmente ao superheroe e ao seu mundo, pero inseridos na realidade social, política e relixiosa. As referencias ao mundo bíblico, aos universos da banda deseñada americana e aos propios acontecementos que marcaron o destino da humanidade nos últimos tempos é máis que patente.

A mestura dos universos ficticios cos que o amante da banda deseñada está familiarizado co mundo máis tradicional galego está moi lograda e consegue introducir ao lector nun relato moi ben trenzado no que conviven todas as realidades posibles, a grande urbe e o rural galego; os grandilocuentes parlamentos dos heroes salvadores do mundo coas falas propias do mundo tradicional galego. A retranca é un elemento moi empregado ao longo de toda a historia e que en ningún momento atende a razóns fóra do estritamente narrativo, non é un uso gratuíto. A mestura de estilos é un dos puntos fortes da historia, sen comprometer a integridade do relato, sen forzar o fío narrativo, sen desvirtuar a historia.