Xoel López pecha o seu periplo americano cun concerto único en Vigo

Programa: 
Músicas e Letras

“A Caravana Americana é a concreción dun soño”, en palabras do propio Xoel. Un proxecto artístico e multicultural que remata con estas actuacións en Vigo, e despois en Bilbao o 28 e en Madrid o 29. Nestes directos poderemos ver xunto ao músico coruñés aos tamén galegos Iván Ferreiro, Xosé Manuel Budiño, Eladio Santos e Félix Arias, a outra metade de Lovely Luna. Da veciña Portugal estará Manel Cruz e do outro lado do Atlántico os arxentinos Pablo Dacal, Sebastián Rubín e Lisandro Aristimuño; os uruguaios Gonzalo Deniz de Franny Glass e Seba de La Vela Puerca; os brasileños Fernando Catatau de Cidadao Instigado e Dado y Marcelo de Legiao Urbana; os venezolanos Cheky, de Jóvenes y Sexys e Ulises Hadjis; o colombiano Andrés Correa; o estadounidense Bart Davenport; os dominicanos Víctor Víctor e Álex Ferreira; e o chileno Arturo Rodríguez de Jirafa Ardiendo.

Un nutrido grupo de artistas e músicos que compartirán con Xoel López e a súa banda un repertorio común con cancións propias e versións de todos os países, desde o bolero ao rock ou desde o soul-funk á bossa-nova.

Esta pequena xira de concertos quedará plasmada, ao igual que as súas viaxes polo continente americano, nun documental gravado polo xornalista galego afincado en Bos Aires, Arturo Lezcano. Tamén se realizará unha exposición fotográfica con instantáneas de Lola Garrido. Xoel tampouco descarta a publicación dun DVD co concerto de Madrid, aínda que adianta que non haberá disco propiamente dito desta Caravana Americana.

Tralos directos comezará a pensar na publicación do seu novo álbum, xa como Xoel López en solitario, xa que hai un par de anos que ten os temas compostos.

As entradas para ver a “Xoel López & La Caravana Americana” custan 12 euros anticipadas e 15 na billeteira e poden mercarse en Vigo (Elepé), Santiago (Tenda A Reixa), A Coruña (Portobello), Lugo (Don Disco), Ourense (Peggy Records) e Pontevedra (Tipo Pontevedra).