Complemento ideal e gran apoio

Programa: 
O ofício de escrever

Hai unha etapa feliz e frutífera na vida de Ricardo Carvalho Calero, a comprendida entre 1932 e 1936. Etapa de retorno ao seu Ferrol natal despois de cumprir o servizo militar e rematar a carreira de Dereito. Carvalho segue estudando a carreira de Filosofía e Letras, da clases en colexios ferroláns e aproba as oposicións a funcionario no concello de Ferrol. Será tamén un tempo de intensa e comprometida actividade política nas filas do Partido Galeguista, participando moi activamente en numerosos actos culturais e mitins de corte político de toda a zona e por toda Galiza. Neste momento traba amizade con Aquilino Iglesia Alvariño que fai o servizo militar en Ferrol, unha amizade que durará toda a vida. Con el comparte actividades do PG.

En 1935 Carvalho Calero pide a excedencia da praza de funcionario ferrolán para preparar as oposicións que veñen de convocarse para Ensino Medio. Con ese motivo viaxa a Madrid en xuño de 1936. Sae de Lugo onde se encontraba con Ignacia embarazada, a punto de dar a luz. Antes de partir con destino a Madrid aínda intervén en Radio Lugo nun mitin sobre o Estatuto de Autonomía. Con motivo desta viaxe Carvalho non estará en Galicia cando se celebra o referendo do Estatuto o 28 de xuño de 1936.