A importancia da obra de Rosalía de Castro

Programa: 
O ofício de escrever
Agrupación Rosalía de Castro. La Habana. Cuba

“Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, fai presente no mundo cultural xeral a existencia dunha lingua e dunha sociedade que ten unha entidade propia”. A importancia literaria de Rosalía de Castro, segundo Ricardo Carvalho Calero. Diso nos fala o seu biógrafo Martinho Montero, empezando por esta obra, Cantares Gallegos, da que Carvalho significou a presencia dignificada do que era autenticamente galego ademais do papel de contaxio que supuxo para outros autores galegos do momento. “Demostroulles que co noso idioma podían facerse grandes e magníficas obras literarias”.

A primeira edición tivo éxito de público e crítica, mesmo fora de Galiza. O significado que tivo foi enorme e Carvalho Calero foi quen máis o resaltou. A obra excedeu o meramente literario porque representou unhas posibilidades para a identidade galega que non só afectaban ao este mundo das letras senón a toda a cultura galega. Afirma Montero que Cantares Gallegos é unha colección de cadros, como “un museo da vida popular galega pero con fineza literaria e cunha grande simpatía”. “Follas Novas” xa é un libro máis profundo, mais ensimismado. Diría Carvalho que “aquí confírmanse as posibilidades do galego pero ademais aborda temas que sobrepasan o mundo galego”. Quérese dicir que Follas Novas aborda unha temática que afecta ao ser humano en xeral e polo tanto acada unha dimensión universal.