Las brujas. Celso Castro

Programa: 
Club de lectura

Ana Karenina de León Tolstói empeza así: “Todas as familias felices se parecen unhas a outras, pero cada familia infeliz éo á súa maneira”.  Que familia é bonita? Existe iso? Pregúntase o autor de “Las brujas” o coruñés Celso Castro. El é o convidado no club de lectura de Radio Fene-Radiofusión esta semana. A súa novela Las brujas, editada por Destino, apareceu o 10 de marzo deste ano, catro dias antes de declararse a alarma sanitaria. Nela da voz a un narrador cabreado co mundo que achaca todo o que lle pasa ao destete da súa nai. Abandonado polo pai, odiado pola súa nai e o seu irmán, odia e ama a un tempo a unha muller da que é irmán de leite. Podería resumirse así a trama desta historia na que o autor admite que non é fiable, “sempre se nota a esaxeración”. Cada historia debe ter a súa propia música e aquí Castro utilízaa como contrapunto, de maneira irónica. Tamén a filosofía ten a súa importancia porque a Castro encántalle aplicala á vida. “Sempre hai un xogo entre unha reflexión e o que lle pasa á personaxe” afirma.

Noutro momento da conversa declara Celso Castro que unha persoa afaise a vivir na adversidade. “Ou te suicidas ou non queda mais remedio que remontar. Eu procuro dar un respiro”. Engade que a imposibilidade de amar é un inferno. “Se non recibes amor da túa nai, non aprendes a amar”. Confesa que con 19 anos lía aos clásicos, Rimbaud, Joyce, Dostoievski... A literatura está na cabeza do narrador, os soños, os recordos, os recordos falsos…Os seus narradores soen ser egoístas pero teñen momentos de entrega. Maniféstase convencido de que todos somos egoístas, que un da para recibir, e que a hipocresía é algo consubstancial ao ser humano. Concluímos que a ironía, e un plus de piedade, conforman o trato que o autor lles outorga.

(Na imaxe: H.Sanfiz, Esther Val e Eva Mazás)