Rumboia 150 – Raparigos – Tempero entre amigos (1991)(12:46)

Programa: 
Rumboia

Raparigos nace en Ferrol no ano 1968, estreándose como grupo no concurso da Ascensión en Santiago. Nos inicios, Carlos Vázquez Cabrera e Xan Rodríguez Silvar foron o cerne do grupo, dous Gaiteiros alumnos do mestre Constantino Bellón, que estiveron acompañados inicialmente por Anxo Muñoz Castro ao tambor e Francisco Trillo Pérez ao bombo. Posteriormente pasaron polo grupo formando parte do mesmo, músicas tan relevantes como Rafael Victoria, Xabier Rodríguez, Antón Varela “Tonecho” ou Ramón Dopico.

Os concursos foron importantes para Raparigos, acadando numerosos premios no san Froilán de Lugo, na Ascensión de Santiago, ou en Ponteareas entre outros, pero as festas populares da época foron unha escola imprescindible para acadar o seu son e a súa formación.

Raparigos ten unha longa traxectoria dentro da música tradicional, que non so os levou a acadar probablemente o mellor palmarés galego en concursos de gaitas, senón tamén a manter a tradición popular en romaxes e festivais, a colaborar con outros músicos e a participar no cerne do movemento asociativo dos gaiteiros galegos.

Raparigos é un dos grupos máis sobranceiros entre os que protagonizaron o cambio xeracional entre os gaiteiros que mantiveron o facho nas primeiras décadas do século e as novas xeracións, formadas xa nun recoñecemento dos valores da cultura galega.