Sons de Nós con De Ninghures

Programa: 
Sonsdenós

É difícil negar a vizosidade do estado de saúde do trad galego. O respecto á música tradicional pero tamén a efervescencia, a frescura e as gañas de experimentar con novos ou vellos sons máis ou menos achegados á nosa cultura, está máis que presente no panorama musical do trad galego.

Defensa da música de raíz e da creación contemporánea que pon en valor a tradición. Esa pode ser a esencia do grupo que hoxe comparte a chala de Sons de Nós, trátase da banda De Ninghures. Na proposta que hoxe vos presentamos, Adrián Méndez e a Marta Álvarez, gaiteiro e percusionista e voz, respectivamente do grupo De Ninghures comparten o noso recuncho de conversa.

De Nighures nace como banda en 2019 e está formada por 7 músicas e músicos de tantas partes da xeografía galega que xa son de ningures. Como grupo caracterízanse pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos, daquí, e dacolá, mesmo dalén mar. Eles defínense coma uns rapaces dos anos 90 que creceron escoitando a grupos como Berrogüetto, Milladoiro e infinitas cancións de infinitos estilos musicais.

Na nosa conversa aseguráronnos que nos unen ritmos e sons con outros pobos como os magrebís, os  ritmos iberoamericanos, con Cuba á cabeza, ou o rock saharauí; e eles introdúcenos sen complexos na súa proposta musical, son moitas as fontes das que beben.

Son os recentes gañadores do premio á mellor canción do ano 2023 do concurso que realiza proxecto aRitmar Galiza Portugal coa súa peza “Morena”. E están felices, sobre todo porque este premio é froito dunha votación popular, e iso ten un “plus”.

De Ninghures son Manuel Fernández "Cataqui", Manuel Lucas, Tomé Mouriño, Adrián Méndez, Marta Álvarez, Aldara Palmeiro e Hadrián García.  

Manter en perfecto estado de saúde a nosa música tradicional adobiándoa con ritmos irmáns é a coidada proposta musical que nos ofrece De Ninghures. sete músicas e músicos en conexión coa música tradicional, da que se alimentan e coa que tecen ritmos mesturados de influencias de alén mar.

Foto: De Ninghures Facebook