SONS DE NÓS CON GRAMPODER

Programa: 
Sonsdenós

Na súa visita a “Sons de Nós” Martiño e Roi faláronnos da súa visión do panorama musical galego e da súa, xa longa, experiencia nos escenarios galegos. 

Grampoder nace en 2011 como continuidade á sociedade musical que Martiño e Roi desenvolveron, conxuntamente co batería Xocas, en The Homens. 

Aquel proxecto musical deixou de funcionar porque Xocas tivo que marchar á emigración e Grampoder xurde como unha necesidade de seguir facendo música. 

" A idea era facer música fácil de transportar, música de guerrilla… rock portátil, pop campestre, folk psicodélico",..."que nos permita tocar tanto no Carnegie Hall como no hall dun piso de proteción oficial...”, desta proposta inicial Grampoder ten variado cara músicas moito máis “cañeras”, pero “seguimos sendo portables, cabemos nun coche”.

Grampoder utiliza o galego na súa música como unha cuestión normal, xa que é o idioma no que se comunican e “no que nos expresamos”. E están encantados da vizosidade da creación musical galega e en galego, non tanto da industria musical que debería dar cobertura á creación musical. “Hai que ter posibilidade de vivir disto, os músicos e quen está detrás dos músicos”

Botan en falla circuítos de actuacións en salas pequenas, máis actividades de sala e “garitos pequenos” que axuden a que os músicos poidan actuar e interactuar, porque os grandes festivais están dificultando a existencia de circuítos, elevan cachés e custes de produción e iso dificulta a existencia doutras propostas.

Martin Wu e LeRoi, Grampoder, excelentes músicos e mellores persoas, achégannos o seu potente “pop campestre” con letras que beben da experiencia cotiá da clase obreira.  

Fotografía: Grampoder