Sons de Nós con Xurxo Souto

Programa: 
Sonsdenós

Poder abarcar a Xurxo Souto en todas as súas facetas é unha tarefa imposible, Xurxo é filólogo, profesor, escritor e divulgador musical pero, con toda seguridade a faceta que o fai máis popular é a de ter sido líder e vocalista de Os Diplomáticos de Montealto entre o 1990 e o 2001. Coa música sigue nunha estreita ligazón en formacións como o grupo Os Tres Trebóns e na actualidade coa Orquestra Bravú Xangai.

A radio é o seu medio natural, no 1986 comezou a traballar na Radio Galega, participando en programas senlleiros como “A tropa da Tralla”, “Aberto por Reformas” ou “Mil Ribeiras”.  Asumiu, ademais, cargos de responsabilidade xa que foi Director de Programas entre os anos 2005 e 2009.  A música e a divulgación musical sempre no centro do universo público de Xurxo Souto.

A radio estivo no centro da nosa conversa tanto pola vivencia persoal do músico como pola importancia dos medios de comunicación na fixación do uso da lingua na poboación, na visibilización e promoción da creación galega en todos os eidos, xa que “somos un pobo de artistas”, afirma Souto con paixón. 

O papel incumprido pola canle autonómica da lexislación vixente “a promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia, (Art.4b. Lei 11/2009 de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.) ocupou un anaquiño desta animada conversa.  

A adicación de Xurxo Souto a escritura está tamén influenciada polo seu aspecto musical, moitas das súas obras escritas teñen a música como protagonista, porque como el asegura a “poesía e a música son o mesmo”. Reivindica o discurso revolucionario de Luísa Villalta, a quen se lle adica este ano a celebración das Letra Galegas e sobre quen versa o seu último libro, “Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta”.

A súa faceta como músico segue activa, forma parte da Orquestra Bravú Xangai. A banda colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Catalunya. Neste proxecto únense persoas que formaban parte doutros importantes grupos, Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Papaqueixos, O Jarbanzo Negro, etc., xuntos conforman unha locomotora musical con vocación festiva.  Con eles está presentado o disco, “Os saxofóns de Occidente”, que recolle 18 temas de puro sabor bravú mesturado coa tradición orquestral do metal galego e as formas da música popular. 

Nunha noite de verán de hai dous anos a Xurxo Souto roubáronlle o acordeón, nunca llo devolveron. O que nunca poderán roubarlle é o coñecemento profundo e implicado sobre a música galega, coñecemento que ven da experiencia activa, de ser arte e parte da música galega, e de estudar, apoiar e divulgar a música, a escrita, e todo o que fai da nosa, unha cultura con identidade de seu.

 

Fotografía: XanXe